Mundos en tránsito: novas miradas sobre o fenómeno cultural migrante
Coordinador/a
Justo Barreira, Susana
Pereira Domínguez, Laura
Paz López, Lorena
O 6 e 7 de maio de 2014 preséntase o proxecto MIGRA no marco das
xornadas celebradas no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en
Humanidades, nas que participaron membros do propio equipo,
investigadores de diferentes puntos de España, escritores e
activistas. Este volume recolle algúns dos traballos discutidos nas
devanditas xornadas, escolla na que se pretende visibilizar o complexo
fenómeno cultural da migración, o cal, como é ben sabido, foi un
dos trazos distintivos do século xx. A proposta de MIGRA é o
rexeitamento dos relatos historicistas, que tradicionalmente non
tiveron a capacidade de abranguer a migración, a favor dun arquivo no
que os distintos elementos da creación literaria migrante (autoría,
títulos, idiomas…) interactuaran entre si. As bases de datos
proporcionan un modelo de clasificación máis flexible que a
linearidade tradicional, pero ao mesmo tempo implican unha
identificación e agrupamento dos obxectos cara a unha idea de orde.
Con estes problemas no horizonte, Isabel Domínguez Seoane reflexiona
sobre os límites da academia e da teoría occidental á hora de
escapar dos discursos hexemónicos, no sentido gramsciano. Como mostra
da diversidade de voces e perspectivas sobre a migración presente nas
xornadas, Mitzi E. Martínez Guerrero e Antonio Daniel García
Orellana ofrecen neste volume senllas reflexións críticas sobre as
súas experiencias persoais. Os últimos capítulos do volume están
centrados nas análises de obras da literatura e do cinema que
interpretan diferentes aspectos dos mundos en tránsito. Comeza o
percorrido por Galicia, unha rexión cunha historia moderna marcada
permanentemente polos movementos migratorios. Verónica Casais, Mar
Fernández e Alba Rozas traballan cun corpus amplo de literatura
infantil e xuvenil e propoñen categorías desde as que clasificar e
analizar estas literaturas. A análise de Pablo Marín Escudero, no
seguinte capítulo, parte da sociocrítica de Edmond Cros para
desestabilizar os mitos referentes á migración sobre os que se
sustenta a identidade española. Os dous traballos cos que se cerra o
volume están situados en América. Belén Vázquez Fernández ofrece
un panorama completo da relación entre western cinematográfico e
identidade, desde unha perspectiva posmoderna. Por último, nas
narrativas breves brasileiras recentes, Vivian Rangel observa a
representación de novos lugares influídos polo movemento global e as
dinámicas de comunicación contemporáneas, lugares nos que se insire
un suxeito cosmopolita.