Aínda que a actividade editorial da Universidade de Santiago de Compostela se remonta ao século XVII, na súa configuración actual o Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago de Compostela (SPIC) foi fundado en 1945. O SPIC edita, distribúe e intercambia libros, monografías e teses de doutoramento que son resultado da investigación dos profesores e investigadores de toda a universidade así como revistas científicas de diferentes áreas de coñecemento. As decisións en materia de edición e política editorial adóptaas a Comisión Editorial Académica, formada por dez membros pertencentes ás cinco grandes áreas do coñecemento (Ciencias da Saúde; Ciencias Sociais e Xurídicas; Artes e Humanidades; Ciencias; Enxeñaría e Arquitectura) e que se reúne alomenos tres veces por ano. O SPIC concede prioridade ás obras orixinais de profesores e investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, aínda que, sempre a xuízo da Comisión Editorial Académica, pode acoller tamén obras de investigadores externos.

Contacto da editorial

Servizo de Publicacións e Intercambio Científico
Universidade de Santiago de Compostela
Campus Vida
E-15782 Santiago de Compostela (Spain)
spublic@usc.es
Tel.: (+34) 881 812 392

Contacto principal

Juan Luis Blanco Valdés
Teléfono (+34) 881 812 392
juanluis.blanco@usc.es

Contacto de soporte

Xosé Henrique Quintáns-Míguez
Teléfono (+34) 881 812 393
joseenrique.quintans@usc.es

Orientación e ámbito de actividade

Como editorial universitaria, o carácter fundamental das publicacións do SPIC é académico e científico-técnico e o seu eido temático esténdese a calquera área ou especialidade do coñecemento. Por outra banda, en canto editorial institucional pública, o SPIC non persegue prioritariamente ánimo de lucro. Dentro destas condicións xenéricas, en orde á maior difusión e impacto dos seus produtos editoriais e tamén ao desexable retorno do investimento financeiro en produción editorial, a política do SPIC tende a favorecer a edición dos orixinais en razón do seu interese temático, actualidade, oportunidade académica, nivel de demanda, transversalidade dos seus contidos e potencialidade de impacto nacional e internacional.

Actualmente, o SPIC  ten un fondo (entre vivo e descatalogado) de máis de 5000 títulos, incluíndo monografías, volumes de revistas e teses doutorais, en todas as materias do coñecemento. Dispón de coleccións fixas, ademais do selo de calidade, que conta con seis series (Académica, CELE. Cuadernos de Español como Lengua Extranjera, Clave, Ensaio, Manuais y Textos).

O SPIC edita revistas científicas en soporte exclusivamente dixital, no seu portal Rev{USC}. A través da unidade de intercambio científico, as súas publicacións (libros e revistas) chegan a máis de 1300 centros de investigación e cultura de todo o mundo. Comercialmente, as publicacións do SPIC (impresas e dixitais) canalízanse a través de distribuidoras convencionais de libro impreso e plataformas de distribución de contidos dixitais, ademais dunha libraría dixital propia. As publicacións do SPIC atópanse recollidas, entre outras moitas bases de datos, en Agris, ASFA Database, Bibliographie Linguistique, CIRBIC, DIALNET, DI, Current Index to Statistics, Elsevier Bibliographic Databases, Francis-CNRS, MIAR, MLA, Latindex, Historical Abstracts, Political Science Abstracts, Political Science Complete, ProQuest Periodicals Acquisitions, Redalyc, Regesta Imperii, RESH, TOC Premier, The Philosopher's Index, Scopus,  SocINDEX, Sociological Abstracts (Select.), Ulrich's Periodicals Directory, Westlaw, Worldwide Political Science Abstracts Zoological Record, etc.

Proceso de revisión por pares

O Servizo de Publicacións e Intercambio Científico ten a misión de difundir, editar, comercializar e intercambiar libros, revistas e outras publicacións realizadas con cargo a fondos universitarios, calquera que sexa o seu soporte de edición e consonte o carácter da publicación definido polo SPIC.
Os obxectivos fundamentais do servizo son os seguintes:

  • Publicación das obras.
  • Difusión, distribución e comercialización das obras editadas.
  • Promover a difusión aberta de publicacións en soporte dixital.
  • Intercambio de publicacións propias con outras universidades ou organismos oficiais e privados.
  • Promover e estimular a produción dixital.
  • Colaborar na adquisición de fondos da biblioteca universitaria.

A política de calidade do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico (SPIC) concíbese e desenvólvese nunha dobre dirección, que implica equipos humanos e fluxos de traballo diferenciados, aínda que executados baixo unha estreita coordinación: calidade formal e calidade conceptual e científica.

Por unha banda, o persoal do departamento editorial, técnico e interno á organización, é o responsable directo de garantir a calidade formal do produto: corrección lingüística (ortográfica, gramatical, sintáctica), de estilo (propiedade da expresión e calidade da redacción) e ortotipográfica; funcionalidade e estética do deseño e máxima operatividade do soporte (impreso ou dixital).  Todos os produtos editoriais do SPIC responden a criterios de calidade conceptual e científica, segundo as diferentes modalidades de edición:

1. USC Editora. No caso dos orixinais destinados ao selo USC Editora nas súas diferentes series (Académica, CELE. Cuadernos de Español como Lengua Extranjera, Clave, Ensaio, Manuais e Textos) , a calidade conceptual e científica asegúrase a través dun proceso sistemático de avaliación por pares confidencial en ambas as direccións (autor-avaliador; avaliador-autor), proceso recolleito na sección II do Regulamento do SPIC.

2. Coleccións con director e/ou consello científico. No caso dos orixinais destinados a coleccións, é o director de colección e/ou os consellos científicos quen certifican a calidade dos orixinais, tras a análise, lectura, e mesmo, nalgúns casos, a solicitude de informes a especialistas.  Estas coleccións son: Biblioteca de Divulgación-Serie GaliciaBiblioteca de Divulgación-Serie CientíficaCadernos CIPPCE de Emerxencia CulturalClásicos do Pensamento UniversalBiblioteca de la Cátedra de Cultura Cubana 'Alejo Carpentier'Biblioteca de la Cátedra Valle-Inclán de la USCLalia-Series MaiorLimiar;  Publicaciones de la Cátedra 'José Ángel Valente' de Poesía y EstéticaPublicaciones del Departamento de Geometría y TopologíaPublicacións da Cátedra Juana de Vega. ActasPublicacións da Cátedra Juana de Vega. Cadernos de InvestigaciónPublicacións da Cátedra Juana de Vega. MonografíasPublicacións da Cátedra Juana de Vega. FaladoirosVerba. Anexos.

3. Obras de responsabilidade científica externa. No resto dos casos, as obras editadas fóra de colección, publicacións institucionais, actas de congresos, homenaxes, etc. son de exclusiva responsabilidade conceptual e científica da institución, departamento, instituto, grupo ou proxecto de investigación que as promove e, por tanto, financia na súa totalidade.

En calquera dos casos e modalidades, todas as obras editadas polo SPIC necesitan da aprobación da Comisión Editorial Académica, formada por dez membros pertencentes ás cinco grandes áreas do coñecemento (Ciencias da Saúde; Ciencias Sociais e Xurídicas; Artes e Humanidades; Ciencias; Enxeñaría e Arquitectura), que se reúne alomenos tres veces por ano.

Todos os procedementos editoriais descritos son transparentes para as partes implicadas (autores, avaliadores internos, avaliadores externos, directores de colección, membros de consellos de redacción de coleccións, editores e editores técnicos), aínda que, obviamente, confidenciais cando é necesario, pois se executan no contexto tecnolóxico da plataforma de xestión editorial Lib{USC}, desenvolvida baixo o software OMP, que, por unha banda, permite ás partes a realización en liña das tarefas e roles que lles correspondan e, por outro, rexistra e arquiva a historia editorial completa de cada orixinal (comunicacións, informes, ficheiros nas súas diferentes versións, etc.)

Política de acceso aberto

Consonte as disposicións legais, normativas e directivas españolas e europeas en materia de acceso aberto ao coñecemento, e coas condicións e límites que sinala a lexislación en materia de propiedade intelectual e industrial, a Universidade de Santiago de Compostela promove a libre difusión de contidos científicos en soporte dixital. Nesta liña, o SPIC somete a criterio do/o autor/é dos orixinais monográficos decidir/en se as súas obras ou revistas serán editadas baixo condicións comerciais de explotación (por tanto, con acceso condicionado ao pagamento por adquisición) ou en acceso aberto libre e gratuíto. Esta liberdade de decisión ten, en calquera caso, dúas limitacións:

  • —   as teses de doutoramento edítanse obrigatoriamente, e por imposición legal, en acceso aberto (coas restricións debidas a patentes ou cláusulas de confidencialidade con empresas);
  • —   todas as revistas da USC edítanse en acceso aberto.

O copyright  das obras e revistas editadas en acceso aberto é de titularidade da Universidade de Santiago de Compostela, que responde da protección legal dos seus contidos e determina as condicións e límites do seu uso nunha licenza Creative Commons BY-NC-ND 4.0, xenérica de todos os recursos dixitais da editorial en acceso aberto. En consecuencia, calquera forma de reprodución, distribución, comunicación pública ou transformación da obra non incluída na licenza de Creative Commons só poderá ser realizada con autorización expresa dos titulares, agás excepción prevista pola lei.