O propósito deste pequeno libro parece ben simple: non é outro que o
de expoñer a situación na que discorría a vida dos labregos dos
séculos XVI-XVIII, atendendo tanto os aspectos materiais como os
culturais. Os diferentes problemas cos que nos poidamos atopar
trataranse, en cada caso, no lugar oportuno. Pero antes de falar das
formas de propiedade e posesión da terra, dos froitos e dos traballos
agrarios, da vida familiar e das crenzas relixiosas, pareceunos
conveniente adicar unhas páxinas a dicir como era a Galicia desa
época, para ver, con brevidade, as características da paisaxe, o
número de veciños e o seu reparto polo territorio, e a opinión que
das xentes tiñan os contemporáneos (galegos ou non). Quizabes
poidamos logo entender mellor a «vida cotiá» dos nosos devanceiros,
que nada a penas tiña de parecido coa dun labrego de hoxe. Imos
tratar, sen dúbida, dun mundo que ha de considerarse perdido para
sempre, por máis que se conserve unha festa, unha crenza, un rito,
unha copla ou un refrán, restos todos que, expoliados do seu
significado profundo, non son outra cousa que modas: pois moda é usar
mendos no pantalón cando sobra roupa, ou festexar o antroido cando
non se respecta a corentena...