Mercado e mobilidade de terras en Galicia: Modelos de oferta e demanda e escala parroquial
Autor/a
Corbelle Rico, Eduardo J.
Díaz Manso, José Marcial
Crecente Maseda, Rafael
Martínez Rivas, Emilio M.
A baixa mobilidade do mercado de terras en Galicia é unha eiva
estrutural que conduce ó abandono da actividade produtiva agraria
sobre o terreo e xera graves consecuencias sociais, ambientais e
económicas: incendios forestais, despoboamento rural, e falta de
viabilidade económica de moitas explotacións agrarias son todos
fenómenos relacionados, dun xeito ou outro, con ela. Para paliar esta
situación puxéronse en marcha en anos recentes en Galicia diversas
accións lexislativas, das cales a máis importante é o Banco de
Terras de Galicia, concibido precisamente para incrementar a
mobilidade do mercado mediante o estímulo ós arrendamentos,
proporcionando garantías tanto para os propietarios da terra como
para os seus utilizadores e mellorando o fluxo de información entre
ambos colectivos. A enorme complexidade do sistema de propiedade en
Galicia convirte este labor en extremadamente difícil, e impón a
necesidade de contar con ferramentas de axuda á decisión que
permitan ós xestores do Banco orientar as súas actuacións de
dinamización cara ás zonas máis necesitadas, ou nas que a
eficiencia dos recursos públicos investidos sexa maior. Neste texto
presentamos un conxunto de modelos de estimación da oferta e demanda
de terra agrícola a nivel parroquial, especificamente pensados para
servir como apoio á decisión estratéxica neste eido, e que fan uso
das últimas tecnoloxías e información dispoñibles no cmpo da
xestión de terras.O presente volume resume o proxecto Modelización
da oferta e demanda actual e tendencial de predios rústicos en
Galicia. Desenvolvemento e aplicación dun sistema de información
xeográfico e análise multicriterio en catro comarcas galegas,
realizando ó abeiro dun convenio de colaboración entre a
Consellería de Económia e Industria da Xunta de Galicia, a Sociedade
Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia e a Universidade
de Santiago de Compostela, entre os mese de decembro de 2007 de
decembro de 2009.