Milleiros de páxinas teñen discutido esta breve obra, á que Weber sempre outorgou un grande valor subxectivo, inzado de significacións fondamente persoais, como patentiza o feito de volver sobre estes textos a remates da súa vida para os corrixir e situar como pórtico dos seus ensaios sobre a socioloxía da relixión. Sorprende aínda hoxe pola complexidade dunha argumentación requintada, extraordinariamente produtiva para a discusión nas ciencias sociais.