O presente volume recolle achegas seleccionadas do XX Simposio da
Asociación Española de Literatura General y Comparada, SELGYC,
celebrado na Universidade de Santiago de Compostela do 2 ao 4 de
setembro de 2014. O Comité Organizador do citado Simposio, consciente
da actualidade dos estudos sobre a memoria no contexto académico,
tivo a iniciativa de erixir «Os xéneros da memoria» en categoría
de liña temática do encontro. Este feito concitou a presentación de
traballos de diversa natureza, que analizan por unha banda producións
de cariz testemuñal, que poderiamos englobar na familia dos textos do
eu (autobiografías, cartas, memorias, determinados Bildungsroman...),
e por outra, revisan o papel da memoria na conformación da cultura
(relendo textos teóricos basilares e tamén literarios) ou valoran a
súa importancia na constitución da identidade individual e
colectiva, coa súa necesaria procura dun sentido de permanencia,
coherencia e continuidade. Co desenvolvemento dos Memory Studies como
pano de fondo, a literatura obsérvase, entón, como caixa de
resonancia dun pasado silenciado ou reescrito (que permita a revisión
crítica e poida estar ao servizo da memoria histórica), ou
enténdese proveitosamente como «lugar de memoria», procurando
desentrañar a potencialidade identitaria ou constitutiva de
determinados motivos literarios, acontecementos, etc. Xunto aos
influentes volumes de Pierre Nora Les lieux de mémoire (1984-1992),
os estudos sobre memoria cultural e colectiva, como a serie
«Routledge Studies in Memory and Narrative», ou o volume de Rodopi
Literature as Cultural Memory (D'haen 2000), contiguos a outros
traballos sobre representación literaria e memoria individual
(Neumann 2005), foron delineando a relación entre memoria e
esquecemento, ou representación e literatura, entre outros.