Nesta cuarta unidade didáctica da Historia de Roma abórdanse os contidos esenciais do Alto Imperio romano. A partir da inauguración do novo réxime imperial por parte de Augusto, repásanse os feitos políticos que marcan o devir das dinastías dos Xulio-Claudios, dos Flavios, dos Antoninos e dos Severos. Do mesmo xeito realízase unha aproximación ás cuestións sociais e económicas claves do período. A partir dunha escolma de textos, propóñense unha serie de actividades didácticas para profundar nos temas tratados.