Auga para todos contén un relato de cuestións esenciais sobre a
auga: a súa importancia para os seres vivos, as características da
súa localización e dinámica no planeta e o enfoque que actualmente
debería ter a súa contabilidade. Pero, sobre todo, este libro presta
un interese especial aos usos da auga desde a historia e a xeografía,
facendo fincapé nas prioridades e dereitos do seu aproveitamento.
Habitamos un planeta limitado nos seus recursos, entre os que se atopa
nomeadamente, como un dos máis escasos e prezados, a auga, razón
pola cal a súa utilización está sometida a moitas tensións
derivadas do incremento imparable dos seus usuarios e dunha demanda
por persoa cada vez maior. A auga é un ben moi cobizado e do que
dependen moitos equilibrios xeopolíticos. Pero, por riba de todo, da
auga depende a vida, a nosa e a dos ecosistemas. Por iso é necesario
coñecérmola: con agarimo, con interese e coa conciencia clara dos
valores que están en xogo.