A idea de realizar este primeiro Faladoiro Juana de Vega partiu da
reflexión dos membros da «Cátedra Juana de Vega» de reorientar
parcialmente o sentido e obxectivos das súas actividades, dando
preferencia a debates e faladoiros sobre temas de actualidade, despois
dunha xeira de congresos especializados nas temáticas que lle eran
máis próximas á biografía de Juana de Vega e da súa familia:
liberalismo político, fomento económico, relacións Europa-América.
Sen esquecer estes tópicos que seguen a cadrar ben co legado da
fundadora, pareceu apropiado abrir esta nova práctica de seminarios
deliberativos, con asistencia de expertos e con textos previamente
distribuídos para orientar os debates. Os obxectivos xerais eran
ambiciosos, pero os contidos dos relatorios e as propias discusións
durante todo o Faladoiro foron matizando o mesmo mudando a intensidade
dos presupostos iniciais, en canto a afrontar unha crítica das
«ideas recibidas» e dos estereotipos que corren sobre a imaxe
externa (e interna) de Galicia, tales como o atraso económico e
valores a el asociados. Dito con termos máis actuais, que tipo de
relato explica a posición de Galicia no mundo.